A Escola de Música de Portela: a ineptitude do PP de Cuntis sufrímola todas/os.

11206487_1578572735752644_4253281355785009029_o

O proxecto de rehabilitación da Escola de Portela foi condenado ao esquecemento polo Goberno de Pena, mentres o talento dos nosos músicos/as sobrevive como pode nunhas instalacións non adecuadas. A Consellaría vén de denegarlle ao Concello a inscrición da Escola de Música de Portela na Rede Autonómica ao non ter recibido contestación a ningún dos requerimentos que lle enviou.

Quizais unha das representacións máis crueis da nefasta lexislatura do Partido Popular en Cuntis é o abandono ruín e absoluto que o Goberno Municipal de Antonio

Pena fixo do rural cuntiense. A indignación co esquecemento ao que as aldeas foron sometidas nestes catro anos é un sentimento asentado entre a xente, que nós comprobamos de primeira man tanto nas xuntanzas parroquiais como nestes primeiros días de campaña.

Un dos exemplos que mellor describe esta deixazón é o caso da Escola de Música de Portela, fusilada pola prepotencia e pola ineptitude do PP de Cuntis. Durante a anterior lexislatura levouse a cabo o proxecto de rehabilitación da Escola de Portela (cun custe de case 100.000 euros) coa finalidade de que albergase a Escola Municipal de Música. Nunca chegou a usarse para tal fin e estas clases son impartidas no auditorio Xosé Raido “Patelas”. O PP, a sabendas de que as instalacións do auditorio non cumpren os requisitos mínimos, tentou en 2011 inscribir a de Portela na Rede de Escolas Municipais de Música e Danza da Xunta de Galicia, para así poder optar ás subvencións da Xunta e Deputación. Tentouno sen moito ímpeto, xa que, o pasado mes de marzo (27.03.15) a Consellería de Cultura desestimou a tramitación da inscrición da Escola Municipal de Cuntis despois de varios requerimentos ao Concello sen obter resposta ningunha. O PP non só abandonou unhas instalacións perfectamente aproveitables e que foran obxecto dun importante investimento, senón que co seu “pasotismo” e “vagancia” desatendeu os requisitos que a Xunta lle pedía para unha iniciativa tan proveitosa para os veciños. Sen acceso a subvencións nin apoio de ningunha outra administración, é o Concello e mailas aportacións dos usuarios os que se fan cargo do seu mantemento (arredor de 150.000 euros nesta lexislatura).

Cuntis sempre foi terra de grandes músicos e excelentes bandas, e o talento de mozos e mozas segue a atopar unha barreira na xestión municipal do PP, que os condena a desenvolverse nun espazo que non está adecuado para tal fin podendo, cun mínimo esforzo, ofrecerlle unhas instalacións ben acondicionadas. Mentras a escola de Portela completamente equipada déixase podrecer, as usuarias e usuarios do noso concello (na súa maioría menores) deben aturar os inconvintes que supón, por exemplo, ensaiar a un tempo escoitando por un lado un piano, por outro instrumentos de vento e polo outro de corda.

Esta condena non só se enmarca no abandono absoluto do rural que caracterizou esta lexislatura, ademais tamén é parte dese borrado selectivo que o Alcalde de Cuntis executou para diferenzar o antes e o despois da “era Pena”, coa letal combinación de rancor e prepotencia.

Share

Tamén pode gustarche...